Filmes

Todos os filmes

Retrospectiva - Roberto Minervini

Un estado libre

Stop the Pounding Heart de Robert Minervini preséntanos a unha familia numerosa, granxeira e cristiá, e a un mozo que aspira a competir en rodeos e ao seu círculo. Nos primeiros 30 minutos, vemos a mulleres realizando tarefas como munguir cabras e vendendo produtos lácteos no mercado, e aos homes, montando nun manequín dun cabalo e disparando escopetas. Cando Minervini xunta estas dúas microcomunidades a través da parella de namorados que se coñece por vez primeira falando sobre cercado, está a realizar un determinado retrato dos Estados Unidos: persoas devotas, motivadas ferozmente polo principio da liberdade, que eluden as marxes económicas pero epitomiza o principal, o puramente estadounidense.

 

Esta dialéctica de encontros e contrastes é recorrente por toda a obra do cineasta nacido en Italia, quen cada vez con máis franqueza, toma o ideal de dobre fío da liberdade como a súa temática. A familia Carlson, de Stop the Pounding Heart, irradia unha claridade espiritual abafadora (Sarah, a filla, a protagonista da historia, nun determinado momento leva un año sobre os seus ombros como se fose un cadro devocional de Xesús), pero a súa estrutura patriarcal é o seu propio tipo de control social. A seguinte película de Minervini, The Other Side, parte do exercicio de tiro de Stop the Pounding Heart, cunha visión grandiosa da rebelión, cos homes novos disparando potentes armas en campos desolados, pero é unha pregunta aberta acerca de como o seu medo xustificado e o seu odio cara o goberno federal mellorará a súas circunstancias materiais.

 

Minervini non pretende resolver este tipo de tensións, e en lugar deso recoñéceas como feitos cruciais e identificadores da identidade estadounidense. Parte da orixe da súa historia como cineasta ten que ver con traballar na cidade de Nova York arredor das datas de cambio de milenio como consultor de informática, so para experimentar a disputada e irregular elección de George W. Bush e os ataques do 11 de setembro do 2011 nunha sucesión desconcertante. Tras estudar na New School, dirixiu varias curtas e logo un trío de obras cada vez máis pulidas enraizadas en Texas: The Passage, Low Tide, e Stop the Pounding Heart. Tivo unhas estreas prestixiosas en Cannes, Venecia (máis recentemente, What You Gonna Do When the World’s on Fire?) e no New York Film Festival.

 

A conexión de Minervini con Texas é persoal: mudouse a Houston cando a súa sogra estaba enferma terminal, unha experiencia vital que a cambio inspirou The Passage, unha historia sobre unha muller de mediana idade á que lle quedan semanas de vida. Escoller a actores non profesionais require que desenvolva unha relación persoal e de confianza cos homes e mulleres que interpretan a unha versión vulnerable e auténtica de si mesmos diante da cámara, supervisada polo seu colaborador cinematográfico Diego Romeo Suarez-Llanos, un cronista sumamente móbil e sensible. Traballa en estreita relación tamén coa coescritora Denise Ping Lee, a súa compañeira; cada película parece nacer dunha relación formada con alguén dunha produción anterior.

 

Aínda que o método de Minervini tende cara o orgánico, é o resultado de planos longos e unha apertura cara a intensidade emocional sexa cal sexa a peaxe constitucional, tamén está, evidentemente versado nas múltiples vertentes do realismo concertado que hai ao longo da historia do cine. Fixo referencia a Cesare Zavattini, o teórico neorrealista, e hai un eco a aqueles primeiros retratos italianos dos desposuídos no rapaz deixado á súa propia sorte en Low Tide, que el mesmo é parte doutro dobre retrato de Minervini coa súa nai alcohólica. Pero ademais de a mestres italianos como Pasolini e Rossellini, tamén cita ao estadounidense Allan King e ao brasileiro Osualdo Candeias como inspiracións.

 

Invocar a estas lendas do medio podería facer que Minervini soase máis fachendoso ou valioso do que as súas películas indican. De feito, probablemente o seu traballo máis complexo e desconcertante ata o de agora, The Other Side (ás veces titulado simplemente Louisiana, polo seu emprazamento), funciona grazas a súa forma de aceptar o caos tan sumamente humano (o que hai tanto dentro do corazón, como por toda a sociedade en xeral). A súa primeira parte segue, con intimidade e crueza, a un drogadicto, Mark, e á súa compañeira, Lisa, demostrando especial atención á textura da pel, ao ton e á iluminación que Minervini e Romero puliron como outra forma de axustarse aos rigores do ser e a experiencia. (Fíxense só na cara inflada e atribulada do rapaz de Low Tide, que parece a dun boxeador curtido polo ring da vida). O amor de Mark e Lisa é complicado e real, e antes de que nos preguntemos a onde queren chegar os directores coas súas historias, The Other Side renace como unha mirada encarnada das comunidades milicianas de dereitas.

 

Este momento de ruptura e cambio destaca no cine recente (un análogo non ficticio, tal vez, á rotura narrativa refractada en Mulholland Drive antes do 11 de setembro), e coa elección de Donald Trump, isto axudou a conferirlle a The Other Side a propiedade de ser unha profecía ignorada. Pero se Minervini foi un profeta, non estaba mirando cara o futuro, senón cara o presente que tiñamos diante de nós pero que non nos detivemos a mirar. A enerxía e as paixóns libres que se ven na película poden ser á vez gloriosas e inquietante. “Eu quería estar en primeira liña”, díxome unha vez Minervini nunha entrevista. Conseguiu colocarnos nela con el, e segue nela para abrirnos os ollos.

 

Por Nicolas Rapold

Ler máis Ver menos

Roberto Minervini 4

Museo das Peregrinacións

Duración: 91m 45s

Louisiana (The other side)

Louisiana (o outro lado)

Roberto Minervini

  • 2015
  • 91:45
  • Francia, Italia
  • DOC, FIC
  • COL

Nun territorio invisible á marxe da sociedade, na fronteira entre a anarquía e a ilegalidade, vive unha comunidade ferida que está intentando responder a unha ameaza: a ser esquecida polas institucións políticas e a ter os seus dereitos como cidadáns minguados. Veteranos desarmados, adolescentes taciturnos e drogadictos intentando escapar da adicción a través do amor, exsoldados das forzas especiais aínda en guerra co mundo, mulleres novas e futuras nais loitando por manterse a flote, e persoas maiores que non perderon o seu desexo de vivir. A través deste reduto oculto de humanidade, ábrese a porta ao abismo dos Estados Unidos de hoxe en día.