Especiais

Contidos relacionados

Arredor do Son II

Se ben a tecnoloxía é algo inherente á existencia humana, unha estratexia que desenvolvemos como especie para superar as limitacións, e en ocasións a hostilidade da natureza, nas últimas décadas converteuse nunha esfera que non só nos transformou a nós mesmos de forma radical, senón tamén ao mundo que habitamos.

Nesta nova entrega de Arredor do Son quixemos utilizar este medio para achegarnos ao eixo natureza/tecnoloxía como dous aspectos que cada vez están máis presentes no debate social e, en consecuencia, nos traballos de numerosos artistas contemporáneos, tal e como se pode ver en boa parte dos contidos que se enmarcan este ano nas diferentes seccións de Curtocircuíto.

A través de una selección de propostas sonoras, abordaremos cuestións relativas a nosa relación co medio ambiente dende os estudios culturais, a experimentación artística, o deseño de interfaces, a creación musical e, por suposto, a produción cinematográfica.

Traballos como FIELD de Martin Messier, no que experimenta coas frecuencias residuais dos campos electromagnéticos producidas polo conglomerado de dispositivos que nos rodean a diario, ou a performance/instalación MELT do artista danés Jacob Kirkegaard, elaborada a partir de rexistros sonoros do desxeo dos glaciares realizados con hidrófonos, son dous exemplos de como o son pode desvelarnos paisaxes doutro modo inaccesibles.

A balea tamén e un suxeito recorrente cando abordamos a nosa relación coa natureza. Case máis xeografía que animal, en palabras de Philip Hoare, foi a partes iguais obxecto de explotación e de fascinación. Esta contraditora relación está presente na filmografía de Jessica Sarah Rinland e nalgúns dos traballos do investigador José Luis Espejo sobre a cultura sonora e visual moderna.

Pero tamén é preciso pensar os modos nos que esa realidade tan complexa é transmitida e representada dende a escoita, especialmente na produción audiovisual. A sonidista Amanda Villavieja achéganos á práctica creativa da captación sonora para cine documental e de ficción convertendo o micrófono nunha ferramenta caligráfica, mentres Charly Schmukler incida na alquimia do deseño sonoro e no rol que desempeña como un elemento esencial na construción da narrativa.

A medio camiño entre estas dúas estratexias de representación sitúanse traballos como Symphony for Urbanites na que Playtronica elabora unha peza interactiva onde os sons da cidade de Santiago de Compostela son deconstruídos a través do contacto físico. O corpo humano fúndese co seu ambiente convertido nun instrumento. Esta mediación non é máis que outro exemplo do proceso de naturalización da tecnoloxía posible, neste caso, grazas aos dispositivos open-source desenvolvidos polo propio colectivo e que serán a base sobre a que ademais presentarán o seu concerto para verduras e un taller infantil.

A finalidade deste programa é, como na edición anterior, “reivindicar o lugar do tímpano xunto á retina” e facernos conscientes da importancia que ten o son como vía de coñecemento e experimentación do mundo.

 

Xoán-Xil López